Saturday 04 de May de 2024

O concello mellora a accesibilidade en pasos de peóns e espazos públicos na Laracha


Na confluencia da Avenida Fisterra e a rúa Silverio Moreda estanse a adaptar, tamén, os espazos de aparcamento.

O Concello ten en fase de execución o proxecto de mellora de accesibilidade en pasos para peóns e en espazos públicos que afecta a varias rúas da capital municipal. O propósito desta actuación é facer eses ámbitos máis cómodos e seguros para os peóns, e en especial para persoas con mobilidade reducida ou diversidade funcional.

Así, en pasos para peóns da Avenida Fisterra, Avenida de Caión e rúa Santa Lucía están a ser corrixidos os anchos e as pendentes, empregando pavimentos con acabados antideslizantes e colocando baldosas con bandas sinalizadoras para advertir e dirixir ás persoas que presentan problemas de orientación.

Ademais, na intervención localizada na confluencia entre a Avenida Fisterra e a rúa Silverio Moreda -na que foi establecido recentemente o sentido único de circulación- estase a cambiar a sinalización tanto vertical como horizontal e a adaptar as prazas de estacionamento de vehículos.

Tamén se realizou unha obra na Praza do Concello que consistiu na retirada de parte do peche delimitador para unir as beirarrúas da Avenida Fisterra e a Avenida de Caión.

O orzamento do proxecto supera os 21.000 euros, a financiar integramente con fondos propios municipais.